Os centros docentes, para lograr a equidade e a excelencia na educación, deben desenvolver as capacidades de todo o alumnado conforme as súas posibilidades e circunstancias e, para iso, teñen que organizarse de xeito diferenciado, planificando os seus recursos e desenvolvendo as actuacións necesarias para o logro duns obxectivos concretos nun período de tempo determinado.
A convocatoria 2017/18 de contratos-programa pretende adaptar as diferentes liñas de traballo ás novidades introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, e pretende potenciar de forma prioritaria o desenvolvemento das competencias clave, especialmente a competencia matemática, así como a mellora da convivencia nos centros, a prevención das desigualdades entre mulleres e homes, a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar, e o logro da excelencia educativa. O fin último é lograr unha educación de calidade para todo o alumnado, desenvolver ao máximo posible as súas potencialidades e, en definitiva, contribuír á mellora da calidade do sistema educativo de Galicia. E con esa finalidade incorpórase a esta convocatoria unha nova actuación dirixida a mellorar o rendemento académico do alumnado de 3º e 4º de ESO e de formación profesional básica, preferentemente na competencia matemática e, así mesmo, na competencia lingüística e nas competencias básicas en ciencia e tecnoloxía.
Preténdese, en resumo, que os centros docentes analicen, por unha banda, as súas fortalezas e debilidades e propoñan medidas específicas de actuación e, por outra, que a Administración educativa proporcione os recursos necesarios para o desenvolvemento de proxectos realistas nos que participe a comunidade educativa e as institucións do contorno.
Esta iniciativa consta de 7 actuacións:
1. Reforzo, orientación e apoio (PROA).
2. Mellora das competencias clave.
3. Mellora da convivencia e promoción da igualdade nos centros.
4. Prevención do abandono temperán e do absentismo escolar.
5. Mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia.
6. Mellora da calidade na xestión dos centros.
7. Reforzo de competencias clave en 3º e 4º de ESO e formación profesional básica. Modalidade de acompañamento fóra do horario lectivo. NOVA ACTUACIÓN
Vídeo: http://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/content_type/video/2018/02/26/ccf5a6fb08aa224166e246ffa6eab882.mp4